Friday 03 de May de 2024

Constituída a Comisión de Seguimento da nova lonxa de Riveira


O Concello de Riveira informa de que no día de hoxe quedou constituída a Comisión de Seguimento da Nova Lonxa, formada polo ente autónomo Portos de Galicia, a Consellería de Sanidade (a través dos veterinarios), o Concello, as asociacións locais máis representativas de arrastre, cerco e artes menores, compradores e exportadores e a propia administración da rula actual.

Os participantes nesta primeira reunión, desenvolvida no salón de plenos do consistorio local, acordaron nomear representantes de cada colectivo nos próximos días e comprometéronse a recompilar as preocupacións ou inquietudes que –tanto en relación coa entrada en funcionamento da instalación, como á implantación progresiva dos servizos como ás normas de uso- poidan ter con miras a seren expostas nunha próxima reunión que terá lugar a finais de mes.

No transcurso da reunión abriuse a posibilidade de que se poidan crear subcomisións específicas para atender asuntos concretos, como a que xa se ten pensado facer para os exportadores.

Visita
Unha vez finalizada a reunión, medio centenar de usuarios da futura lonxa visitaron as instalacións, sendo o sentimento xeneralizado o de estar ante unhas infraestruturas de primeira magnitude.